Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ten entre as súas prioridades ensinarlles aos escolares, dun xeito proactivo e lúdico, a programar, introducíndoos no pensamento computacional, de tal forma que dote ao alumnado dos fundamentos necesarios para comprender que son e como funcionan os ordenadores e os programas e aplicacións que fan que o mundo de hoxe en día funcione.

Deste xeito, o CPEIG colabora activamente en todas aquelas actividades encamiñadas directamente aos escolares para guialos nunha ciencia na que é fundamental coñecer para estar preparados e afrontar os desafíos futuros; pero tamén incorporando a este proceso a profesorado e pais e nais, facéndoos partícipes das recomendacións que eles poden aprender, de xeito que tamén sexan transmisores para os rapaces e rapazas. Aprender desde pequenos como funciona un ordenador e como podemos comunicarnos con el permite que os nenos e nenas entendan moito máis da realidade que os rodea, e que estean moito máis preparados para achegar valor na sociedade do futuro. Ademais, a programación fomenta as capacidades creativas do alumnado, permitíndolle realizar de forma sinxela as súas propias aplicacións interactivas: animacións, videoxogos, simulacións, etc. Proporciona, ademais, os coñecementos necesarios para pasar de ser usuarios de aplicacións informáticas a ver os ordenadores como ferramentas de deseño e creación.

A adquisición eficaz por parte do alumnado das competencias clave en matemáticas e en ciencia e tecnoloxía constitúen hoxe en día un dos obxectivos prioritarios dos novos currículos en todos os sistemas educativos europeos, tanto pola importancia que teñen para o desenvolvemento pleno do alumnado como para o futuro da sociedades galega e europea que precisan dun incremento nas vocacións científicas, por ser un elemento clave para o seu desenvolvemento. Neste sentido, a adopción de novas estratexias metodolóxicas que permitan aprendizaxes significativas e fomenten o interese e motivación do alumnado son fundamentais para espertar novas vocacións.